Fomento da biodiversidade nunha finca experimental

Actuacións de fomento e mellora da biodiversidade na finca da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia en Leiro

 

Coleóptero nunha flor de Jasione montana nun viñedo
Jasione montana

O fomento e a mellora da biodiversidade de hábitats e especies é un concepto central na agroecoloxía, na xestión integrada do viñedo, e mesmo no concepto de «terroir». Dende esta perspectiva o viñedo enténdese como un ecosistema agrícola no que a biodiversidade proporciona unha serie de servizos que benefician ao viñedo, á uva e ao viño.

Despois de analizar o estado actual da finca e o xeito de traballar nela, e tendo en conta a natureza representativa da EVEGA, estableceuse como estratexia máis axeitada o emprego de técnicas de restauración de hábitats nas zonas que non están a viñedo e que non soportan tráfego de maquinaria.

A restauración organízase a partires de tres tipos de actuacións principais:

  • Plantación de especies arbustivas propias da vexetación natural da bisbarra
  • Eliminación de especies exóticas, concretamente Phytolacca americana
  • Reforzo da diversidade de herbáceas con flores


PRIMEIROS TRABALLOS

En 2017 desenvolvéronse traballos en tres zonas e con tres finalidades ben diferentes:

Sebe Central: Esta sebe, distribuída ao longo dun noiro de 105 m que cruza a finca de parte a parte é o elemento máis relevante no tocante á restauración ecolóxica do conxunto. Procedeuse á restauración de 20 m de sebe con eliminación de Phytolacca e plantación de arbustivas autóctonas.

Humidal: Na cabeceira desta zona húmida estableceuse unha banda de protección e amortiguación de impactos.

Parterre da entrada: A isleta diante da entrada do edificio principal da finca pensouse como unha zona de mostra das especies e das técnicas empregadas na restauracion.