galego

Historia de dúas moléculas

Un vento mareiro, á penas chegado á terra, vai pousar parte da súa carga de poalla miúda, na fileira de espiños e estripeiros que coroa a cima dun cantil da beiramar aínda en sombra. De alí a un pouco, o vento arremuíñase por entre o ramallo das oliveiras dun campo preto de Oran e alí mesmo comeza un ascenso imparable cara ao ceo limpo do mediodía. Dun dos estames, dunha das flores, dunha das polas daquelas oliveiras remexidas polo ventiño á morrer, despréndese un grao de pole que, días mais tarde, fecundará unha outra flor de oliveira nos arredores de Alcalá de Henares.

Trescentos e pico de anos mais tarde, en 1616, unha andoriña, que na primavera nada mais era un oviño morno, dentro dun niño de cuspe e lama pegado no recanto do tellado da casa dun tal Guillerme, en Stratford-upon-Avon, acerta pasar por diante da fiestra dunha casa de veciños de Madrid. O paso da ave fai que o único morador do cuarto levante a mirada e permaneza absorbido pola contemplación das montañas ao lonxe á luz do solpor. O vello estaba a preparar o lume cunhas achas de leña cortada da oliveira que nacera do grao de pole que veu de Arxelia. Ao longo da noite a combustión da madeira libera unha cantidade astronómica de moléculas de CO2.

Moito, moitísimo antes do paso da andoriña na súa primeira viaxe cara ao sur, cando nada, absolutamente nada indicaba que unha tal especie humana inzaría o mundo, un monte de fentos arborescentes fica asolagado á beira dun lago de dimensións continentais. Trescentos millóns de anos mais tarde, a imaxe fósil deses fentos quéimase dunha tacada no forno principal da central térmica de Zinan, China, e libera mais outra cantidade certamente astronómica de moléculas de CO2.

Neste mesmo instante, un azar inexplicable está a xuntar unha das moléculas chinesas cunha das moléculas que se desprendera da leña de oliveira que o home aquel botara ao lume ó pasar a andoriña, e que, malia unha probabilidade infinitesimal e absurda, aínda vagaba libre na atmosfera. En efecto, as dúas moléculas forman parte do último dos quince litros de aire que levas respirado nos dous minutos e trinta segundos, mais ou menos, que che levou ler isto.

ANDURIÑA

Primeiro premio microrelato adulto en galego INSPIRACIENCIA 2013

Munilla Biodiversidade • Es la plataforma de asesoría y consulta de Ignacio Munilla. • Is the consulting vehicle for Ignacio Munilla. • É a plataforma de asesoramento e consultoría de Ignacio Munilla.

A %d blogueros les gusta esto: